O alumnado de 3º de Diversificación fixo unha pescuda na súa historia familiar tras escoitar atentos e emocionados os testemuños de Waldina Pereira e Maruja Trigás na charla de presentación do libro Matriarcas escrito por Montse Fajardo.
Sentarse ao carón dos maiores, adicarlle un tempo precioso a conversar coa familia, saber de onde vén un, valorar o que se ten e aprender a preservalo, saber doutros tempos...Todo isto e máis é o que está agachado tras os fermosos textos que redactaron.
Tamara Mene
A miña avoa chámase Isabel Jueguen Fernández, naceu no ano 1952. Debido á súa idade non me puido contar de primeira man o que pasaba na época da Guerra Civil.
A miña bisavoa poderíame contar moitísimas cousas máis, pero por desgraza ten alzheimer e non puiden obter máis información ca que recorda a miña avoa.
Contoume que os falanxistas entraban nas casas cando querían para burlarse da xente. Ás mulleres facíanas bailar nas mesas, e a algúns homes levábanos para o monte e matábanos.
Un día viñeron buscar a un veciño de só dezaséis anos para ir á guerra, e grazas a un veciño que lles dixo que o levaran a el, pois non podían levar un rapaz tan novo, non tivo que ir.
Sei que tamén pasaron moita fame, cando ían buscar o pan tiñan que coller pequenas racións. A miña bisavoa ía ata Pontevedra andando a vender algúns legumes, tíñase que erguer ás tres da mañá. Outra mostsra de escaseza é que aproveitaban as gomas das zapatillas para facer outras.
Aínda que a miña avoa non vivira no tempo da Guerra Civil é tamén toda unha matriarca.
Paula Fernández
A miña avoa chámase Pilar Josefa Castelo López. Naceu o 1 de maio de 1956, en Calvos de Touro de Solamiño, na provincia da Coruña.
O seu pai chamábase Vicente Castelo Montero e tiña, contando con el, sete irmáns; un morreu na guerra civil e deixárono alí. Agora só viven dúas irmás, Pilar e Aurora. O meu bisavó tiña unha fábrica de madeira en Touro, tamén traballou de garda xurado no Banco Gallego e de acomodador do cine Fantasía.
A miña bisavoa, Dolores López Couto, tamén chamada Lola, traballaba no campo e de ama de casa.
Vicente morreu aos 83 anos de cáncer e Lola morreu aos 73 anos de leucemia.
Cando Pilar tan só tiña once anos aprendeu soa a montar a cabalo. Tamén traballaba nas tarefas domésticas e no campo.
Pilar tiña dous irmáns: un que vivía na Garda, Jose Castelo López, que morreu de infarto xoven, e unha irmá que aínda vive, Aurora Teresa Castelo López.
Cando Pilar tiña dezaséis anos veuse vivir á Torre. Alí casou con Francisco Caamaño Neira e con el tivo dous fillos. A primeira en 1975, Luz María, e o segundo no 1982, Alberto.
Separouse aos 27 anos de matrimonio e tivo que sacar ela soa aos seus fillos adiante, traballando en fábricas, unha delas foi Cepillos Mariño e Pita.
Agora ten 56 anos e ela ime que co pouco que tiña antes ela estaba moi feliz. Agora vive no Carril e está acompañada dos seus netos e dos seus fillos aos que quere moito.
Manuel Sánchez
Carmen é a irmá da miña avoa. Naceu en Guillán no ano 1932. A súa infancia non foi como a que temos os rapaces de hoxe.
Na súa aldea había unha escola á que ían rapaces e rapazas, pero ela non podía asistir moitos días porque tiña que axudar á súa nai a traballar as leiras, tiña que ir ao monte a coller leña para a cociña e valume para estrumar as cortes dos animais. Non puido estuddar moito pero deféndese para ler, escribir e facer unhas cantas sumas e restas.
Durante a súa infancia tiñan pouco tempo para xogar e cando o facían, divertíanse coa corda ou xogando ao peletre. Algunhas veces aparecía pola aldea un titiriteiro con monicreques para divertir aos nenos.
Na súa época non tiñan tanta variedade para merendar como temos os rapaces de hoxe en día. Eles tomaban xamón curado na casa, con chouriño ou con chocolate negro.
Cando xa era unha moza gustábanlle os mozos da aldea pero os seus pais non lle deixaban andar con eles e as rapazas xuntábanse nun grupo e ían a dar paseos por Vilagarcía. Daquela non andaban á moda, tiñan pouco traxes e sempre gardaban un para ir á misa, para días de festa ou para calquera acontecemento importante. Ela tivo a sorte de que ía coser á casa dunha costureira que lle ensinaba a facer vestidos, e de cando en vez facíalle algún de balde para ela; pero coñece a unha veciña que tivo que romper sabas e sacos para facerlle vestidos ás súas fillas.
Durante a posguerra pasaron moita fame porque non había onde mercar nada para comer e tampouco había cartos porque era moi difícil atopar un traballo. O que tiña a sorte de ter na casa galiñas, porcos e vacas, aínda se podía alimentar algo.
Carmen coñeceru a un mozo co que casou. El chamábase Tucho. O día da súa vosa el levaba un traxe negro e ía moi elegante, e ela casou cun vestido azul escuro e para que fora máis guapa, unha amigo púxolle os tubos e peiteouna. O menú do banquete foi sinxelo: mataron un carneiro na casa e preparárono. Logo serviron arroz con leite e para rematar tomaron café e copa. Non fixeron viaxe de noivos porque non tiñan cartos.
Despois de casar foron vivir cos pais de Carmen e tiveron dous fillos. A súa vida empezou a ir mellor cando Tucho marchou embarcado nunha compañía holandesa. Co paso dous anos fixeron unha casa, estudaron os fillos e cando Tucho se ía retirar morreu no barco e Carmen xa leva trinta anos viúva.
Antía Maneiro
Nélida Santos Costa naceu o 30 de maio de 1943 na posguerra, na época de fame. Pero nunca pasaron fame grazas a que a súa nai e as súas tías vendían alimentos e unha pequena parte quedábase sempre na casa, eles facían o seu propio pan de trigo e centeo. Vivía cos seus avós paternos, Luis e Ramona, na Xunqueira.
Aos seis anos empezou na escola parroquial de Vilagarcía. Pero non ía todos os días como os demais nenos, pois tiña que traballar xa coa idade de sete anos. Limpaba as cociñas que lle encargaban á súa nai, tamén axudaba á súa nai a facer colchós coa lá das ovellas.
A súa profesora foi dona Elisa Briones, que lle daba clases particulares de balde cando non ía a clase. Tiña que coidar de sete irmáns xa que ela era a maior. Á idade de dez anos foi a vivir a Trabanca Sardiñeira. Entón os tres maiores quedaban no comedor de Vilagarcía pois eran catro veces as que tiñan que ir a casa e volver o colexio.
A súa nai e as súas tías ían a Vilaxoán a mercar o peixe para logo ir vendelo a Caldas e Cuntis, onde se facía troco, non todo o mundo pagaba con cartos. Despois a mercadoría so sobraba ían vendela a Pura a de Bamio: os ovos, o centeo, o trigo e o millo. Así recaudaban diñeiro para volver comprar o peixe.
Traballou na óptica dos Ánxeles como repartidora dads gafas. Daquela tiña doce anos, pagábanlle 65 pesetas, que era o que cobraba a súa nai, pero ela sacaba un diñeiriño das propinas cando ía repartir as gafas.
O seu segundo traballo foi no Bazar, onde tiña que limpar todas as lámpadas, tiña trece anos e di que ese foi un traballo esgotador.
Cando tiña catorce anos a contrataron na fábrica de Baltar. Alí coñeceu ao home que ía ser o seu marido.
Casou á idade de dezaoito anos con Manuel Maneiro Castromán.
Despois duns anos foise a Alemaña co seu home e deixou aquí ao seu primeiro fillo, Manolito, a cargo da súa avoa Domitila. E despóis chegou a súa segunda filla Begoñita.
En Alemaña traballou nos almacéns de Neekerman nunha tenda de moda facendo as contas de envío. E tamén traballaba limpando oficinas nas horas libres que tiña.
Agora mesmo, o 20 de maio, está a piques de cumprir 70 anos e di que a súa vida non podía ser mellor vivida, xa que ten dous fillos que quere moitísimio e catro netos que tamén quere. Xa celebrou as súas vodas de ouro e di que está felizmente casada e é moi feliz por ter chegado a esa etapa á que pouca xente chega.
María Pía Orrego
A miña avoa Teresa Ofelia Ermozi naceu en 1942 en Bella Vista, Corrientes, Buenos Aires. Cando ela era xoven tiña moitos campos e ía traballar coa súa avoa.
Foise a casa de miña bisavoa aos 15 anos e traballou con ela para ir estudar á universidade, que lle quedaba moi preto. Ela foi á escola e ao instituto en Martines, Mauich. Logo foi á universidade e estudou para modista. Traballou diso toda a súa vida.
Coñeceu ao meu avó nunha festa de Mauich e logo casaron e foron vivir xuntos.
Ela está agora traballando en casa como modista. Tamén traballa facendo vasoitas de palla.
Ten problemas de vista e oído porque ten diabete e iso provoucoulle problemas nos demáis órgaos. Vive co meu avó e a miña curmá vive ao carón da súa casa.
Sempre foi unha muller traballadora e ségueo sendo.
Jose Mosquera
A miña bisavoa contoume que na década dos 30 durante a Guerra Civil española, pasou unha etapa mala na súa vida. Debido á guerra non tiñan medios para sobrevivir e chegaron a comer pan de millo con auga durante días.
Os homes tiñan que estar agochados para que non os levasen a loitar á guerra. Un dos agochadoiros máis habituais eran as covas do monte Xiabre, onde botaron gran parte da guerra e sobreviviron grazas ás mulleres que lles levaban comida unha vez á semana.
Cóntame tamén que estando no monte mirou cara o mar e estaba todo negro, e eran os barcos chegando da Armada Inglesa.
Ata aquí as vivencias da miña bisavoa na época da súa infancia.
Azahara Silva
María Luisa Recuna Loureiro naceu en Catoira no 1946. Desde que naceu ata os doce anos viviu alí. Sempre ao entrar na escola tiña que rezar, e darlle os bos días á mestra. Ás once tomaban o almorzo, leite en pó e queixo en lata, como se fose manteiga. Foise facendo maior e con doce anos foi vivir a Guillán, deixou a escola en Catoira e empezou a ir a unha escola de pago xunto cos seus cinco irmáns dos que dous eles son homes.
Cando saía da escola ía traballar a carretar herba e auga para os bois, porque o seu pai era carreteiro.
Cando tiña dezasete anos coñeceu ao que hoxe é o seu home, pero entón non lle parecía suficientemente guapo e non lle facía caso. Ela quería ir a Vilagarcía a buscar mozo pero como non lle deixaban ir porque tiña que traballar dicía que ía ao dentista a sacar unha moa e logo ía mocear.
Aos dezaoito anos tivo que emigrar a Alemaña para axudar á súa familia. Para poder ir alí facían un recoñecemento médico e ela tiña úlcera, pero aínda así non lle dixeron nada. Tivo que facer unha viaxe moi longa para chegar ao seu destino. Estivo traballando nunha fábrica de louza; ela non sabía nada de alemán, así que tivo que mercar un diccionario, pero seguía sen entender nada, así que falaba máis ou menos por signos. En Alemaña botou un ano e medio. Ao mes recibiu a primeira carta dos seus pais e fartouse a chorar.
En 1969 regresou a España. E ao seu regreso os seus pais non a deixaban traballar do que quería e ofrecéronlle traballar co seu pai de carreteira atendendo os bois, facendo viaxes de herba, leña...
Co tempo volveu co mozo que non lle gustaba, que agora é o seu home co que tivo dous fillos. Co tempo fixeron unha casa en Guillán. Para pagar a casa púxose a traballar no monte xunto cos seus fillos. Cando naceron as súas netas deixou de traballar para coidar delas, para que os seus fillos poideran traballar.
Actualmente sofre unha pequena enfermidade pero segue sendo feliz ao carón do seu marido, os seus fillos e as súas netas.
Estefanía Castrelo
A miña avoa Pepa naceu o 11 de novembro de 1953 en Patriño (Murcia).
Ela era a pequena dos catro irmáns, dúas irmás maiores, Josefa e Paca, e o seu irmán Juan.
Tivo a mala sorte de quedar orfa aos tres anos, e como repartiron aos seus irmáns coa familia que tiña, a ela decidiron dala en adopción a un matrimonio sen fillos, que tamén vivía en Patriño (Murcia).
Ao principio todo foi ben coa súa nova familia, ía ao colexio, tratábana con cariño, e facíanlle agasallos polo Nadal.
Ao pouco tempo morreu o seu pai adoptivo, e a súa nai adoptiva aos oito anos sacouna do colexio, e como naquela época traballábase moito na casa, ademáis de coidar aos porcos e da horta, tiña que comprar, labar a roupa, etc. Choraba moito porque lle daban malas comidas e tamén pegábanlle.
Pensou en intentar escapar moitas veces, e cando tivo a ocasión o fixo. Cando chegou a casa da súa avoa contoulle o sucedido, e decidiron que quedara a vivir con eles.
Ao ano seguinte morreu a súa avoa, pero a súa vida cos seus tíos foi moi boa.
Aos dezaséis anos coñeceu ao seu marido, e casaron, o 1 de xaneiro de 1966.
Aos nove meses naceu a súa filla, tres anos máis tarde a miña tía Mari, e dous anos despois a miña madriña Pili.
A súa vida transcorreu nun edificio familiar construído polo bisavó, no cal viviron algúns irmáns dos seus avós. Alí permaneceu durante 35 anos.
A súa vida, ademáis de educar aos seus fillos, estaba adicada a traballar na granza de animais (tiñan: polos, coellos, ovellas, etc) pero tamén tiña tempo para a súa afección favorita, cantar.
Despóis de criar aos seus fillos e netos, agora eles adícanse a viaxar, e disfrutar do que antes no puideron.
A miña avoa deunos cariño, que a ela pouco lle deron de nena.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
Pois sí que pasei un bo rato lendo as historias interesantes e tan ben contadas destas mulleres. E penso que se elas se prestaran a que lles fixerades unhas fotos ben pensadas, os textos xa de por si bos,enriqueceríanse.
ResponderEliminarNoraboa e grazas pola lectura.
Manuela.