"A literatura é un tesouro infinito de sensacións, de experiencias e vidas que están á nosa disposición. Grazas aos libros o noso espírito pode romper os límites do espazo e do tempo, de maneira que podemos vivir ao mesmo tempo no noso propio cuarto e nas praias de Troia, nas rúas de Nova York, nas chairas do Polo Norte, e podemos coñecer a amigos tan fieis e tan íntimos como os que non sempre temos ao noso carón pero que viviron hai cincuenta anos ou vinte e cinco séculos.
A literatura ensínanos a mirar dentro de nós e moito máis lonxe do alcance da nosa mirada. É unha fiestra e tamén un espello. Quero dicir: é necesaria"
(Antonio Muñoz Molina: La disciplina de la imaginación)
A literatura é...UN TESOURO
A literatura é...NECESARIA
*Que significan estas afirmacións de Muñoz Molina?
*Estás dacordo con elas?
E para ti que é a literatura?
A LITERATURA É...
Cal é a diferencia?
"Bando", Manuel María
Prohíbese, por orde da Alcaldía,
que medren porque si
as rosas do xardín municipal.
Dende agora as pombas teñen
que pedir licencia para voar.
Prohíbeselle á lúa
andar ceiba de noite polo ceo.
A lúa é unha tola que anda espida
dando mal exemplo ás nenas castas
i ós fillos de familia.
Pagarán trabucos os poetas.
Prohíbese soñar de 10 a 11.
Prohíbese tamén derramar bágoas.
Pódese chocar tan só cando hai sequía
para que non fiquen baldeiros os pantanos.
Un só se pode emocionar
os Xoves e Domingos
cando toca
a Banda do Concello no quiosco.
Están fóra de Lei
as estrelas, a Primaveira,
as flores i os paxaros.
Dáse este bando en tal e cual
para que se cumpra
de orde do Alcalde.
Firmado e rubricado.
Bando Municipal da cidade de Vigo sobre o uso dos areais.
Reflexionamos:
- Cómo sería un mundo no que as rosas non medraran e a lúa non saíra? Como sería un mundo no que as estrelas, a primavera, as flores e os paxaros foran ilegais? Como sería un mundo no que o ser humano non puidera expresar as súas emocións e sentimentos?
- A voz poética aposta por un mundo así? Que tipo de mundo quere?
- Cres que hai algún tipo de crítica neste poema? A que?
- Por que hai diversas opinións sobre este poema? Que ten o poema que faga que o seu significado non sexa único? En cambio, o bando municipal de Vigo pode interpretarse de moitas maneiras?
Recordamos as palabras de Roncho Rechoncho, a personaxe-ovo de Alicia do outro lado do espello:
"Cando eu uso unha palabra (...) quere dicir xustamente o que eu escollo que signifique...nin máis nin menos".
* Intenta relacionar as palabras de Roncho Rechoncho coa resposta á pregunta "Que é a literatura?"
Lemos o poema "Por amor" de Darío Xohán Cabana:
Por amor nacín da terra.
Por amor son o que son.
Por amor canto o meu canto,
por amor.
Por amor sángranme os pulsos
e ábreseme o corazón.
Por amor dóenme os ollos.
Por amor, só por amor.
Reflexionamos:
- Le este poema imaxinando literalmente todo o que a voz poética expresa. Ten sentido?
- Que intenta expresar a voz poética dicindo que lle sangran os pulsos e que se lle abre o corazón? Algunha vez falaches dunha maneira similar? Sabes o que é unha metáfora? Pensamos en metáforas da vida cotiá.
- Está claro que este poema fala de amor, por que? Sabes como se chama esa repetición? Pensa nunha canción que che guste moito, que parte se repite? Como se chama iso nunha canción?
Creamos:
- Agora vas imitar o poema de Darío Xohán Cabana creando un texto dunha estrutura similar.
Por amor...
Por amor...
Por amor...
por amor.
Por amor...
e...
Por amor...
Por amor, só por amor.
E para terminar, repetimos a proposta inicial. Que é a literatura?
A LITERATURA É...
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario