Le estes textos:
A
"Un alacrán, que desexaba atravesar un río, díxollle a unha ra:
- Lévame ás túas costas.
- Que te leve ás miñas costas! -contestou a ra -. Nin pensalo! Coñézote! Se te levo ás miñas costas, picarasme e matarasme!
- Non sexas estúpida -díxolle entón ó alacrán-. Non ves que se te pico afundiraste na auga que eu, como non sei nadar, tamén afogarei?
Os dous animais seguiron discutindo durante un intre e o alacrán mostrouse tan persuasivo que a ra aceptou cruzar o río canda el. Cargouno sobre as súas esvaradías costas, onde el se agarrou, e empezaron a travesía.
Chegados ao medio do gran río, alí onde se crean os remuíños, de súpeto o alacrán picou a ra. Esta sentiu que o veleno mortal se estendía polo seu corpo e, mentres se afogaba, e con ela o alacrán, gritoulle:
-Ves! Díxéracho! Pero, que fixeches?
- Non podo evitalo -contestou o alacrán antes de desaparecer nas augas -. É cuestión de carácter".
B
Por amor nacín da terra.
Por amor son o que son.
Por amor canto o meu canto,
por amor.
Por amor sángranme os pulsos
e ábreseme o corazón.
Por amor dóenme os ollos.
Por amor, só por amor.
("Por amor", Darío Xohán Cabana)
C
MILITAR ALZADO.- Ya veo que no se levanta.
BÓVEDA.- Si. Xa ve, non me dá a gana. Pode que non estea na miña man erguerme ou non de mañá en diante, pero hoxe aínda decido eu. Pódelle chamar mala educación. Isto halle axudar a reforzar esa idea que teñen sobre a nosa falla de modais, mentres vostedes teñen esa forma tan elegante de asasinar.
MILITAR ALZADO.- Usted verá, precisamente de eso le vengo a hablar. Le traigo buenas noticias y así me recibe. Sabe que no tengo nada personal contra usted y desearía haberle conocido en otras circunstancias...
BOVEDA.- Boas novas! Que novas son esas que poden ser tan boas para min nas miñas "circunstancias" como vostede di? Suspéndese a farsa? Todo foi un mal soño?
MILITAR ALZADO.- Como usted sabe eso no está en mi mano. Yo sólo quiero que este trance sea lo más llevadero posible dentro de las circunstancias. Simplemente le venía a anunciar que ha tenido suerte pues al fijar la fecha de la ejecución para mañana no nos dimos cuenta de que es la festividad de Nuestra Señora. Y dado que pasado es domingo, no habrá ajusticiamientos, se retrasa el cumplimiento de la sentencia hasta el lunes.
BOVEDA.- Aínda teñen máis sorte aos que lles cadra Semana Santa polo medio.
(Falando con balas, Xoan Carlos Garrido Couceiro)
Reflexionamos:
1. Máis alá do contido, parécenche o mesmo tipo de texto?
2. Cales cres que son as diferencias fundamentais entre os tres?
3. Se ti quixeras contar unha historia cal dos tres escollerías? E se quixeras expresar un sentimento? E se quixeras que uns actores representasen unha historia? E se quixeras as tres cousas?
Os xéneros literarios son sistemas de clasificación das obras literarias segundo unhas características tanto para ti como lector como para o escritor.
Tradicionalmente considéranse tres grandes xéneros:
- O xénero narrativo
- O xénero lírico
- O xénero dramático
Empezamos co xénero narrativo (texto A):
1. Quen conta a historia?
2. Que se conta?
3. Quen protagoniza a acción?
4. Onde se desenvolve a historia?
5. Cando se desenvolve a historia?
Ao xénero narrativo pertenecen as obras nas que o escritor relata acontecementos que lles suceden a uns personaxes nun lugar durant un tempo concreto.
Non todas as historias relátanse igual nen teñen as mesmas características.
1. Saberías poñer algún exemplo disto?
2. Os textos narrativos escríbense sempre en prosa?
3. Le o seguinte texto:
"Cando o taberneiro rematou de ler aquel nova inquedante - un neno suicidárase pegándose un tiro na sen dereita- falou o vagabundo descoñecido que acababa de xantar moi pobremente nun curruncho da tasca mariñeira, e dixo:
-Eu sei a historia dese neno. Pronunciou a palabra neno dun xeito moi particular.
Así foi que, os catro bebedores de augardente, os cinco de albariño e o taberneiro calaron e escoitaron con xesto inquisidor e atento.
-Eu sei a historia dese neno -repetiu o vabagundo-. E tras dunha solerte e ben medida pausa, comezou".
Para coñecer a historia que o vagabundo vai contar teredes que ir á Biblioteca e buscar o libro de Rafael Dieste Dos arquivos do trasno no que atoparedes o conto "O neno suicida". Leo e fai un resumo do conto.
4. Cal é a diferencia entre "O neno suicida" e "Os escaravellos voan á tardiña"?
5. Coñeces algunha lenda? Pregunta á túa familia ou búscaa. Redáctaa.
6. Cales son as características dun heroe? Cita algunha película protagonizada por un heroe. Resume o seu argumento.
7. Agora imos crear un conto entre todos. Comeza un de vós partindo dunha idea, continúaa outro... e así ata terminalo cunha rolda entre todos. Podedes utilizar expresións discursivas como de súpeto, entón, así que, por fin... que vos axudarán a enlazar unhas ideas con outras.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario