
Viches a película O curioso caso de Bejamin Button? É a película na que a personaxe interpretada por Brad Pitt nace vello e vaise facendo novo ata converterse nun cándido bebé. A historia de Benjamin Button é un relato fantástico, porque o suceso que conta é irreal, non podería acontecer segundo as leis naturais.
Na historia da literatura galega contemporánea é moi importante a narrativa fantástica, son moitos os autores que se achegaron a ela. Os compañeiros de 4º PDC coñeceron a algúns destes creadores e obras: Vicente Risco, Castelao, Rafael Dieste...
Ainda que a película de Benjamin Button está baseada no relato homónimo de F. S. Fitzgerald, xustamente este último narrador, Rafael Dieste, escribiu un conto que tamén podería ter inspirado a historia hollywoodiense: "O neno suicida" (Dos arquivos do trasno, 1926). Aquí podes ver a primeira páxina. Por que non entras no seguinte enlace para lelo enteiro? Parécese ou non á historia protagonizada por Brad Pitt? (http://www.acampos.eu/blog/2009/01/o-neno-suicida/).
Ao fío da literatura fantástica, no Ámbito lingüístico-social traballamos as lendas (de meigas!), e aquí tedes unha mostra do resultado.
"En 1990, nunha cova escondida no medio do monte vivía unha muller moi guapa. Tiña o pelo loiro e longo, os ollos marróns e grandes, cunha roupa descoidada. Vivía soa e todas as mañás ía dar unha volta polo monte. Ás veces ía ata o río e quedaba mirando para os patos e os peixes.
Ata que un día, no río, viu unha muller. Seguiuna ata a súa casa e permaneceu alonxado entre uns castiñeiros, mirando o que facía. Nunca vira unha persoa e estaba intrigada por ver o seu comportamento. A muller tiña unha familia e era moi pobre. Pasábase todo o día ou pedindo ou no campiño que tiñan detrás da casa.
Fíxose de noite, a muller foise para casa, e a outra para a cova. Á mañá seguinte, a muller marchou da cova máis cedo do normal e foi xunto á outra. Petou na súa casa e fíxose amiga da familia. A familia preguntoulle como se chamaba, pero ela non tiña nome e quedaron dacordo en chamala Andrea.
A familia acolleuna na súa casa. Ela era moi feliz con eles. Cada mañá, Andrea facía as camas e limpaba a casa; pola tarde facía rituais para que mellorara a economía daquela familia.
Unha noite Andrea soñou que na beira da casa había ouro. E pola mañá foi cavar, pero non encontrou nada. Pola tarde fixo o seu feitizo e pediu que houbera ouro na leira. Cando acabou o feitizo foi cavar no mesmo lugar de antes e encontrou moitísimo ouro. Dende aquela a familia foi feliz e rica". (Adrián Jamardo Rey)
No hay comentarios:
Publicar un comentario