Matriarcas. Mulleres en pé de vida

O vindeiro xoves 28 teredes a sorte de asistir na biblioteca á charla de presentación do libro Matriarcas. Mulleres en pé de vida, obra de recentísima publicación escrita pola periodista Montse Fajardo. A carón dela estarán dúas das escepcionais protagonistas do libro: Waldina Pereira e Mª del Carmen Trigás.


Preparemos o encontro...

PORTADA
Observa a portada:
- De que crees que vai o libro? Que é unha matriarca?
- Describe a fotografía escollida? Que significado pode ter?

LIMIAR
No Limiar, Montse Fajardo menciona os seguintes conceptos: CNT, represaliados, memoria histórica. - Sóante? En que época nos sitúan? A que feitos históricos fan referencia?
- Aclaramos o seu significado visitando o portal da "Asociación para la recuperación de la memoria histórica".

WALDINA PEREIRA
É probable que os que vivides no Carril coñezades a Waldina Pereira ou polo menos que algunha vez mercarades algo (chucherías, material escolar...) no quiosco Waldina. É así?

Tras a lectura da súa biografía, resposta a estas cuestións:
- A que se adicaba o pai de Waldina?
- Que pasou co pai de Waldina durante a Guerra Civil?
- Que atopou o irmán de Waldina na escola?
- Por que paraba o chofer do Castromil a súa viaxe nun punto concreto? Que ocorrera alí?
- Como se desenvolvía o aluguer de novelas?
- A onde emigrou Waldina?
- Que lle ocorreu ao pouco tempo de regresar a Carril?
- Por que se chama Waldina?

Aclaramos algúns conceptos:
- República.
- Movemento.
- Auxilio Social.
- Consello de Guerra.

Comentamos o seguinte fragmento:
"E confiou nas novas que chegaban dende España, naquela campaña que, nos anos 60 puxo en marcha o goberno franquista para recuperar a man de obra aproveitando o tímido desenvolvemento económico que se albiscaba tras o paulatino abandono da economía autárquica que caracterizara a década dos 50".

MARÍA DEL CARMEN TRIGÁS
Tras a lectura da súa biografía, responde a estas cuestións:
- Por que puido estudiar dona Maruja?
- Cales foron os seus estudos?
- Tendo en conta os diferentes destinos que tivo como mestra, describe as características comúns de todos eles.
- Compara a escola da que fala o texto coa escola que coñeces.
- Que era o "caderno de rotación"?
- Que era unha "escola de ensino doméstico"?

Na charla do xoves, teredes a oportunidade de falar con estas mulleres. Que preguntas lle fariades a Montse Fajardo, Waldina Pereira e dona Maruja?

O voso traballo remata cunha actividade de investigación e redacción. Todos vós sodes herdeiros dunhas matriarcas, de mulleres que traballaron moito para sobrevivir e sacar adiante unha familia: son as vosas avoas. Cal é a historia das vosas avoas? Algúns tedes a sorte de poder falar con elas, outros non, falade entón con membros da vosa familia (nai, pai, tíos), seguro que poderán contarvos algo delas. É a vosa historia familiar. Entrevistádeas, deixádeas falar, anotade os seus feitos vitais máis relevantes, esas anécdotas que non esquecen e as marcaron. Compilade a información e redactádea. Incluide tamén unha foto.

Engadide, en fin, nove capítulos máis a Matriarcas. Mulleres en pé de vida.




No hay comentarios:

Publicar un comentario